foto cabeceira
ga flages flag
Logo Concello de Vigo
INICIO ACTUALIDADE/NOTICIAS Xogos Polideportivos de Reis

Xogos Polideportivos de Reis

Vigo, 12 de Decembro. -

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, reuniuse con diversas entidades deportivas da cidade para tratar sobre a segunda edición dos Xogos Polideportivos de Reis, que se celebrarán do 2 ao 4 de xaneiro (martes a xoves).

Baloncesto, balonmán, ciclismo, fútbol 8, fútbol sala e patinaxe en liña serán as modalidades programadas nesta oportunidade tralo éxito de xaneiro pasado, cando a iniciativa municipal arrincou con balonmán, fútbol 8 e fútbol sala.

Este torneo, non competitivo (hai medallas para todos os deportistas), pretende cubrir a semana de Reis. "Faltábanos por cubrir esa franxa, por iso creamos este evento", lembrou o edil e presidente da Fundación Vigo en Deporte (VIDE) aos clubs e organizacións implicadas, en reunión mantida na sede de VIDE.

O concelleiro encargou á fundación que supervise esta actividade con Belarmino Alonso, "Milucho", coordinador do Trofeo Concello de Vigo de fútbol 8 os sábados en Samil, a Aspofusa (fútbol sala), o Baloncesto Seis do Nadal, o Club Ciclista Vigués, a federación galega de Balonmán e o Freestyle Slalom Vigo (FSV).

Nesta oportunidade as competicións centralizaranse no complexo das Travesas, utilizando dous polideportivos cubertos (Frontón e O Carme), o campo de fútbol e a pista de rodadura. En función do número de equipos inscritos os partidos xogaranse polas mañás, pero reservando a opción do serán.

A organización determinou que o torneo de fútbol 8 estará destinado a nenos de 4 a 7 anos, o de fútbol sala de 8 e 9 anos (categoría benxamín) e o de baloncesto para idades comprendidas entre os 8 e os 10 anos. As demais disciplinas, de 6 a 14 anos.

© DIFUSIONPROSPORT 2018
CONCELLERÍA DE DEPORTES
Área administrativa e técnica:
986 810 295 | 986 810 237 | 986 810 154
Email: concelleriadeportes@vigo.org