Vigo, 13 de Xullo. - As seleccións de Vigo concluíron este pasado venres a súa participación nos XIII Xogos do Eixo Atlántico, en Braga, cunha medalla de ouro (baloncesto masculino), unha de prata (balonmán masculino) e unha de bronce (voleibol feminino), ademais dun sexto posto para o combinado de baloncesto feminino.
Con dous equipos disputando as finais, houbo cara e cruz: o baloncesto masculino impoñíase a Lugo na final do pavillón da Escola André Soares por 50-45, mentres que Porto levábase o gato á auga (19-15) no pavillón Flávio Sá Leite, o histórico e vello polideportivo do ABC Braga, da máxima categoría lusa. O equipo, composto por xogadores do UB Lavadores, Carballal, Octavio e Galicia Social, non perdera un só partido ata o choque decisivo.
O conxunto feminino de voleibol, formado por xogadoras do Xuvenil de Teis, vencía en Maximinos a Maia por 2-1 (ao mellor de tres sets) e colgábase a medalla de bronce. Mentres, as rapazas de baloncesto tiñan que conformarse co sexto lugar. Caeron na loita pola quinta praza ante Porto (28-41).
Os resultados xerais foron excelentes: dezaoito vitorias, un empate e catro derrotas entre os cinco días de competicións.
O balonmán pechou o seu periplo con tres vitorias (30-12) a Peso da Régua, 23-16 a Guimaraes e 27-20 a Santa Maria da Feira) e un empate na fase previa (20-20 contra Matosinhos) que lle outorgaba o primeiro posto da liguilla. Despois, derrota na final ante Porto. O torneo de balonmán estaba composto por seleccións portuguesas e a de Vigo como a única representación de toda a comunidade autónoma.
O baloncesto masculino asinou un pleno: 63-23 ante Barcelos, 76-8 á selección da Deputación de Lugo, 74-20 a Bragança e 70-48 ante Santa Maria da Feira) na clasificatoria, eliminou a Vila Real en semifinais (41-23) e a Lugo na final na Escola André Soares. Brillantes os cadetes do Baloncesto Seis do Nadal con Sergio González á fronte. Seis de seis.
En categoría feminina, bronce en voleibol e sexta praza en baloncesto. As mozas do Xuvenil de Teis asinaron unha fase previa impecable: 2-0 a Maia, Guimaraes e Braga). En cuartos, Vigo tombou a Viana (2-1), pero nas "semis" o equipo cedeu ante Matosinhos (0-2). Na pelexa polo bronce, vitoria. Cinco triunfos e unha derrota no cómputo final. O título foi para Vila Nova de Gaia.
En baloncesto, con xogadoras do Club Deportivo Bosco (o Celta Zorka) e do Seis do Nadal, o primeiro encontro (derrota ante Santiago por 34-46) condicionou. Só pasaba a semifinais o primeiro e, pese a bater a Valongo (37-26), a Carballo (80-13) e a Matosinhos, só puideron ser segundas, xogando pola prazas quinta á oitava. Venceron a Guimaraes (33-29) e perderon fronte a Oporto (28-41). Santiago foi a selección campioa. O balance, con todo, é positivo: catro triunfos e dúas derrotas.
O Concello patrocinou unha edición máis desta cita bianual á selección de Vigo, formada por xogadores de 14 a 16 anos do programa municipal de escolas deportivas e que xogan polos clubs Seis do Nadal (balonmán e baloncesto), Club Deportivo Bosco (baloncesto feminino), Xuvenil de Teis (voleibol feminino) e AD Carballal, UB Lavadores, Octavio e Galicia Social (balonmán).