Vigo, 30 de Abril. - O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou esta mañá no Concello o Campionato de España de balonmán xuvenil feminino, cuxa fase final vaise a disputar no Pavillón Municipal de Candeán dende este mércores 1 de maio ao domingo 5.
Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o presidente da Asociación Deportiva Carballal, José Barciela, membros da súa xunta directiva, a xogadora do equipo xuvenil Uxía Ferreiro e o vicepresidente da Federación Galega de Balonmán, Fernando Mosquera, o rexedor anunciou un gran campionato, no que por segundo ano consecutivo haberá participación viguesa, de novo co Calfrima Carballal.
Caballero celebrou que Vigo sexa sede de "algo tan importante como a fase final do Campionato de España xuvenil feminino", á que acceden os oito mellores equipos do país tras unha criba previa en duros intersectores.
Durante o encontro cos medios o xefe do goberno municipal felicitou ao Carballal polo "desenvolvemento tan extraordinario que estades a facer do balonmán, polo xeito de movelo" tanto en categoría masculina como na feminina, e reiterou o seu agradecemento ao club vigués por asumir a organización, "que non é tema doado", indicou.
Caballero quixo "convidar á cidade a que gocemos do balonmán feminino; imos gozar moito con este campionato", dixo, e Barciela, presidente da entidade, asegurou que se vai a ver "bo balonmán, do mellorciño de España".
Pola súa banda o representante da Federación Galega de Balonmán lembrou que "o Carballal está facendo unha tempada impresionante en tódalas categorías" e que "dende a Federación o noso apoio foi grande para que a fase final viñese a Vigo".
A xuvenil Uxía Ferreiro, en representación das súas compañeiras -xa competiu a tempada pasada na fase final de Sagunto-, explicou que "poucos clubs poden representar a Galicia deste xeito e non só nós: o Carballal ten agora mesmo a seis equipos de base en campionatos estatais", o que para a xogadora é "un orgullo".
Vigo, sede por vez primeira desta fase final que patrocina o Concello, verá a fase de grupos a unha soa volta de mércores a venres (ás 16:00, 17:45, 19:30 e 21:15), co Carballal xogando o último partido de cada xornada no polideportivo de Candeán.
No grupo 1 xogarán Balonmano Fuentes Carrionas, de Velilla del Río (Palencia), campión de Castela-León; o campión catalán Balonmano La Roca, de La Roca del Vallés (Barcelona), o Calfrima A.D. Carballal, campión de Galicia; e o Balonmano Sanse, de San Sebastián de los Reyes (Madrid), campión da Comunidade de Madrid e actual subcampión de España. O grupo 2 está composto polo Elche Grupo Assa, campión da Comunitat Valenciana e actual campión de España da categoría; o campión aragonés Agrupación Deportiva La Jota, de Zaragoza; o Colegio Maravillas, de Benalmádena (Málaga) como campión de Andalucía; e o Malkaitz Eskubaloia, de Burlada, campión navarro. O sábado, as semifinais (18:00 e 20:00 horas) e o domingo, a consolación (10:30) e a final (12:30).
O Carballal ten unha das mellores canteiras de España. Demostrouno non só con esta clasificación, senón coa súa presenza tamén nas fases finais de Sagunto 2018 e Elgoibar 2016.