Vigo, 21 de Marzo. - O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez, edil de Emprego e Voluntariado, anunciaron hoxe o total apoio de ámbalas dúas administracións para que Vigo e a provincia continúen a recibir cada ano os Xogos Autonómicos Special Olympics, nesta oportunidade de baloncesto.
Este sábado (10:45 horas), tres polideportivos do complexo municipal das Travesas (Frontón, Vermella e O Carme) recibirán a uns 270 participantes das catro provincias, coa Asociación San Francisco como o único representante vigués. Equipos de dezaoito asociacións en representación de quince localidades, que suman 229 xogadores e 58 adestradores, competirán a partires das 12:00, estando prevista a entrega de trofeos ás 19:00 horas.
Os XXIII Xogos Autonómicos de baloncesto para persoas con discapacidade intelectual voltan ás Travesas dos anos despois. O baloncesto é unha das modalidades que máis veces se organizou en Vigo (terceira oportunidade nesta década) xunto co fútbol sala.
"Témolo compromiso coas persoas que fan posible este evento, moi importante e cuxo mérito é de Eladio Fernández", explicou o deputado. Manel Fernández, pola súa banda, ratificou o apoio do Concello: "Vigo sempre será receptiva coas actividades integradoras e poderán seguir contando con nós para a organización dos campionatos que consideren".
Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galicia, agredeceu o apoio institucional e anunciou preto de 60 voluntarios adicados á organización dun campionato que sirve para "demostrar as capacidades" dos xogadores e das xogadoras porque "esta é unha ferramenta de integración e superación" que busca a igualdade. De feito, o equipo que se coloque durante o partido cunha vantaxe de 15 puntos perde o encontro.
Un deportista de San Francisco acudiu á presentación acompañado por Catalina Sobral, directora da Asociación Galega San Francisco.
O campionato de baloncesto é a segunda competición de 2019 tralos Xogos de Deportes Minoritarios (Vilagarcía). En total, Special Olympics organiza ata oito campionatos dende marzo a novembro.