foto cabeceira
ga flages flag
Logo Concello de Vigo
INICIO ACTUALIDADE/NOTICIAS Suspendido temporalmente o programa municipal de escolas deportivas

Suspendido temporalmente o programa municipal de escolas deportivas

Vigo, 24 de Outubro. - O Concello de Vigo vese na obriga de suspender de xeito temporal o programa municipal de escolas deportivas, seguindo a orde publicada o pasado día 21 pola Consellería de Sanidade, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica do Covid-19. As entidades deportivas que ensinan as súas modalidades foron avisadas este venres da decisión.

No apartado segundo, a orde establece restricións ás agrupacións de persoas, limitando o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de cinco persoas, excepto no caso de persoas convivintes. Tamén manifesta que non será de aplicación en determinados ámbitos, entre os que se inclúe a práctica do deporte federado.

Non obstante, no punto 3.14 do anexo de medidas de prevención específicas detallan as condicións específicas de desenvolvemento en relación ás actividades e instalacións deportivas, especificando que “a práctica de actividade física e deportiva non federada, nas instalacións e centros deportivos poderá realizarse actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sexan ou non convivintes, sen contar ó monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o 50% da capacidade máxima permitida".

Segundo se deriva da redacción, e tras confirmar por escrito a Secretaría Xeral para o Deporte que só terán consideración de deportistas federados aqueles con licencia en vigor, os nenos e nenas do programa municipal de escolas deportivas quedan fóra.

A Concellería de Deportes, "lamentándoo profundamente", entende que "técnicamente non é viable o desenvolvemento da actividade seguindo o detallado da orde", polo que vese na obriga de suspender temporalmente o desenvolvemento do programa de escolas durante o período de vixencia da orde da Xunta. O Concello consultou tamén coas entidades deportivas viguesas a situación, refrendando a inviabilidade. 

O primeiro día de outubro comenzaron o programa 2.200 nenas e nenos e tres semanas despois o rexistro de cursillistas é de 3.100 rapaces e rapazas. É o meirande programa de escolas deportivas municipais de Galicia.

© DIFUSIONPROSPORT 2018
CONCELLERÍA DE DEPORTES
Área administrativa e técnica:
986 810 295 | 986 810 237 | 986 810 154
Email: concelleriadeportes@vigo.org