foto cabeceira
ga flages flag
Logo Concello de Vigo
INICIO ACTUALIDADE/NOTICIAS Run Run Vigo homenaxeou á AVA e declarou mellor proba de 2023 a Carreira Praia de Samil

Run Run Vigo homenaxeou á AVA e declarou mellor proba de 2023 a Carreira Praia de Samil

Vigo, 23 de Xaneiro. - O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou na súa intervención de clausura da Gala Run Run Vigo 2024 que “está moi ben gañar, pero é marabilloso encher as rúas de atletas”, no resumo do que para el representa o circuíto municipal de carreiras populares.

A gala, que encheu de novo o auditorio municipal de Praza do Rei, homenaxeou os 40 anos de vida dunha empresa envorcada co deporte, Froitas Nieves (1983-2023), con recoñecemento recolleito por Juan Andonegui, director de RRHH, pero tamén as catro decenas de anos de vida da Agrupación Viguesa de Atletismo (AVA), representada polo seu presidente, Eleuterio García. Ademais, premiouse a “Fito” Fernández, impulsor do Club Atletismo Beade en 1985, e a Loreto Pérez, quen formará parte do xurado de Apelación nos Xogos Olímpicos de París. Loreto repetiu presenza nesta significada noite de premios, pois o ano pasado a gala recoñecera a súa traxectoria na arbitraxe atlética.

s tres mellores momentos da noite, pola medición acústica alcanzada grazas ás ovacións, foron para “Fito” Fernández, con numeroso público do club de Beade nas butacas, os nenos campións nos crosses escolares (dividíronse en dúas quendas ao ser 41 atletas, desde pitufos e olímpicos, os máis “peques”, a xuvenís, este pasado ano) e os “runners” que conseguiron completar as once probas do circuíto municipal, un total de 37 (11 mulleres).

Ademais, a gala coroou a Carmen Costas (Atletismo Baiona), campioa da categoría F5 (nadas en 1958 e posteriores) e a Carlos Enrique Gutiérrez (CD Delikia), campión da M1 (nacidos desde 1984 a 2003), como os mellores da clasificación combinada, esta vez elixidos entre os dez campións (cinco homes e cinco mulleres). O ano pasado, cando se entrou esta clasificación ponderada, Costas tamén lograra o triunfo entre os podios femininos.

No auditorio municipal, coa súa capacidade esgotada, vivíronse aplausos, emocións e tamén promesas. Na súa intervención, o rexedor explicou que a expansión do atletismo está en marcha, coa futura reforma das pistas de Balaídos e o gran coliseo multifuncional proxectado en Balsa e incluído tamén no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Tamén houbo espazo para os clubs. O Club Deportivo Delikia, en apertado resultado sobre o Máis que Auga (por só 101 puntos de diferenza na suma das once carreiras), levou o premio de Mellor Club 2023, mentres que o subcampión si gañou o trofeo a entidade máis participativa. Ambos relevan ao Veteranos de Samil, que fixera dobrete un ano atrás. Ademais, o Concello premiou a Carreira Praia de Samil como a mellor do ano pasado. Por organización (Club Atletismo Veteranos de Samil), participación e dificultade, ademais da excelente elección de facela polo areal vigués.

As Series Municipais tiveron igualmente o seu protagonismo. Recolleron o seu premio os célticos Miguel Ángel Selecto e Martiño Salgado, vencedores dos sectores de lanzamentos e saltos, respectivamente, ademais de Celia Vila, do Comesaña Sporting Club, campioa medio fondo e fondo. Dous clubs históricos, sempre na brecha.

Manel Fernández, concelleiro de Deportes, abriu a gala lembrando que este domingo comeza o circuíto 2024 coa Subida ao Castro e en breve chegarán tamén os crosses escolares. Despois, tamén aplaudiu ao Real Club Celta. E é que o Trofeo de Nadal, organizado conxuntamente polos clubs célticos masculino e feminino, recibiu unha mención especial, recollida polo presidente da entidade masculina, debido ao carácter solidario da xornada. Igual sucedeu co Banco de Alimentos de Vigo, polo seu apoio indispensable e necesario na San Silvestre de Nadal, acudindo ao acto o seu presidente, Iván Martínez.

O circuíto 2024, con doce probas -as mesmas de 2023, aínda que o ano pasado cancelouse a Nocturna Correndo por Vigo a poucos días da súa disputa-, ponse en marcha esta domingo (11:00 horas) coa dura e moi peculiar Subida ao Castro.

Os dez vencedores e vencedoras. Campións 2023, galardoados na gala foron Manuel Suárez e Carmen Costas (M5 e F5), Arlindo Riveiro e Josefa Carrera (M4 e F4), Manuel Prieto e Ana Lemos (M3 e F3), Daniel Bargiela e Rocío Rodríguez (M2 e F2) e Carlos Enrique Gutiérrez e Noemí Álvarez (M1 e F1).

© DIFUSIONPROSPORT 2018
CONCELLERÍA DE DEPORTES
Área administrativa e técnica:
986 810 295 | 986 810 237 | 986 810 154
Email: concelleriadeportes@vigo.org