Vigo, 29 de Agosto. - O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu hoxe no Concello aos tres internacionais vinculados a Vigo por nacemento ou por pertencer a un club local que acaban de disputar os Campionatos do Mundo de baloncesto en cadeira de rodas coa selección española e coa australiana.
O vigués Agustín Alejos e a "aussie" Shelley Cronau, do Club Deportivo Amfiv, e a viguesa Vicky Alonso, do Abeconsa Basketmi ferrolano, departiron co alcalde, que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes. Manel Fernández.
No encontro, ao que tamén acudiu o presidente do Amfiv, José Antonio Beiro, o rexedor comunicou a vigueses e australiana que se sentiu "moi orgulloso" pola presenza de todos eles na competición xogada en Hamburgo.
España acabou quinta no cadro masculino de doce seleccións, o segundo mellor resultado nun Mundial trala cuarta praza de Incheon 2014, e Alejos é peza de gran valor. Mentres, o equipo feminino fixo historia ao lograr a súa primeira vitoria no certamen intercontinental na súa terceira participación e rematar sétima, o seu mellor resultado. As "Gliders", pola súa banda, foron novenas dunha ducia de equipos nacionais.
Caballero aproveitou a reunión para colgar do pescozo dos deportistas unha medalla que lembra a súa presenza no Mundial de Hamburgo. "Tomádea como un detalle de agarimo", díxolles mentres lla entregaba a Shelley, Vicky e Agustín. Vicky tamén fixo entrega dun agasallo ao xefe do goberno municipal.