foto cabeceira
ga flages flag
Logo Concello de Vigo
INICIO ACTUALIDADE/NOTICIAS O Internacional Concello de Vigo de grupos show, a fin de semana nas Travesas

O Internacional Concello de Vigo de grupos show, a fin de semana nas Travesas

Vigo, 11 de Abril. - O Internacional Concello de Vigo de grupos show está de volta. O Pavillón Central das Travesas recibe esta fin de semana (sábado 13 ás 16:30 e domingo 14 á mesma hora) a cuarta edición do torneo que organiza o Patín Vagalume Celtamotor xunto á Federación Galega de Patinaxe e que patrocina o Concello.

“Quero convidar a toda a cidade a que vaia ás Travesas e goce do que significa este trofeo, do que significa este deporte, esta función deportivo-artística tan extraordinaria”, dixo o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que na rolda de prensa de presentación do campionato estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, por membros do Vagalume (o seu presidente, Miguel Quereizaeta, a adestradora Bea Fernández e as patinadoras Nerea Méndez e Celia Fernández) e por dúas representantes federativas, Mabel Labordeta e Cintia Lafuente.

O evento, que mantén o seu formato de dúas xornadas, coma nas edicións de 2017 e 2018, amplía as súas categorías ata sete (Grupos grandes, pequenos e promocionais pequenos e grandes, Grupos júnior, Cuartetos e Cuartetos promocionais) ao engadir a de Cuartetos promocionais.

“Encántame”, afirmou o rexedor sobre a patinaxe artística, que reunirá a uns 700 nenos e nenas de corenta e tres clubs de Galicia (seis de Vigo), Madrid, Andalucía e Portugal. “É un trofeo internacional de envergadura”, sinalou o xefe do goberno municipal.

Trala presentación, as patinadoras do Vagalume Celtamotor entregaron ao alcalde as primeiras invitacións para o evento. “Elas fano tan ben...”, recoñeceu o alcalde, que subliñou que as patinadoras son quen de “levar o deporte adiante, elas son as importantes”.

O programa comezará o sábado co desfile de participantes (16:00) para iniciar as competicións ás 16:30 (Grupos Promocional pequenos), ás 19:15 (Promocional grandes) e ás 20:00 horas (Grupos grandes). O domingo, quenda para os Grupos júnior (16:30), Cuartetos promocionais (18:30), Cuartetos (19:00) e Grupos Pequenos (19:45).

A entrada por xornada custa 5 euros, coma na edición anterior, e de novo haberá un abono para os dous días ao prezo de 8 euros.

© DIFUSIONPROSPORT 2018
CONCELLERÍA DE DEPORTES
Área administrativa e técnica:
986 810 295 | 986 810 237 | 986 810 154
Email: concelleriadeportes@vigo.org