Vigo, 19 de Xullo. - O concelleiro de Deportes de Vigo, Manel Fernández, segue moi preto o Campionato do Mundo júnior de balonmán. Onte á noite presidiu o encontro Túnez-España no palco do Pavillón Central das Travesas xunto co presidente da Real Federación Española de Balonmano, Francisco Blázquez.
Na segunda xornada do seu grupo, España xogou o seu primeiro partido no coliseo olívico, con triunfo dos "Hispanos" por 20-26. Concelleiro e presidente estiveron acompañados polo presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, e polo deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez.
O Concello está moi satisfeito coas obras que tivo que facer cara ao Mundial a petición da IHF: mellorou as bancadas de prensa e dotou ao Central de climatización e dun novo marcador electrónico coas últimas novidades técnicas.
Ao remate do encontro, Manel Fernández e Cayetano Martínez de Irujo entregaron o premio de MVP (mellor xogador do partido) ao leonés Gonzalo Pérez (Abanca Ademar León).
España volta ás Travesas hoxe venres (21:00 horas) diante de Serbia. Ante o conxunto africano asistiron, segundo anunciou a organización, un total de 1.485 espectadores.
O encontro tivo ademais un récord de interese para a cidade pola súa proxección: por vez primeira houbo retransmisión por tres canles en directo: Teledeporte, o portal en internet de TVE e a canle en youtube da Española de Balonmán con outro comentarista.