foto cabeceira
ga flages flag
Logo Concello de Vigo
INICIO ACTUALIDADE/NOTICIAS O Concello lanza 300 prazas para os campus polideportivos de verán a través da Fundación VIDE

O Concello lanza 300 prazas para os campus polideportivos de verán a través da Fundación VIDE

Vigo, 13 de Maio. - Nova tempada de campus polideportivos co pulo da Fundación VIDE, da que o Concello de Vigo é membro fundador. Hoxe abriuse o prazo de inscrición para o campamento das Travesas (24-28 de xuño) e tamén para o de Samil (8-12 de xullo). En total, trescentas prazas para nenas e nenos de 6 a 14 anos, repartidas coma os anos anteriores: duascentas para a actividade do complexo das Travesas e un cento para o de Samil.

Os campamentos polideportivos de VIDE, entidade que xestiona o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, por delegación do alcalde, acoden á súa cita coa cidade coma cada verán. O campus de Samil entra na súa terceira edición mentras que o das Travesas naceu no 2000.

Os campus están dirixidos a nenas e nenos de 6 a 14 anos. O campus polideportivo das Travesas mantén o seu custo habitual de 70 euros (o alumnado ten o xantar no pavillón), mentras que o de Samil custará 45 euros. Por tradición, o primeiro deles será o campus no complexo das Travesas, do 24 ao 28 de xuño, co horario habitual (9:00 a 18:00 horas).

Os participantes vivirán a experiencia de aprender a gozar de dez deportes (baloncesto, balonmán, fútbol sala, hóckey a patíns, ciclismo, voleibol, natación, rugby, bádminton e deporte adaptado) e terán tamén unha excursión a Cangas grazas a Naviera Mar de Ons. Hai 200 prazas. Despois, terceira edición do campamento de Samil (8-12 de xullo), con tenis, pádel e tenis de mesa no complexo de Samil das 9:00 ás 14:00 horas. 100 prazas para o campus.

Balonmán Seis do Nadal, Club Deportivo Bosco, Anpabal F.C., Club Vigo Voleibol, Traviesas Hockey Club, Club Deportivo Amfiv, Vigo Rugby Club, Bádminton Rachaplumas e Club Ciclista Vigués aportan os seus adestradores para o campus das Travesas. A Federación Galega de Tenis, o Pádel Femenino Cíes e o Club de Tenis de Mesa Vigo fan o propio no de Samil.

Coca-Cola, Frutas Nieves e PSA Groupe colaborarn en ambolos dous campus, mentras que Naviera Mar de Ons, Decathlon, Telepizza, New Balance e Vitrasa apoian o do complexo das Travesas.

© DIFUSIONPROSPORT 2018
CONCELLERÍA DE DEPORTES
Área administrativa e técnica:
986 810 295 | 986 810 237 | 986 810 154
Email: concelleriadeportes@vigo.org