foto cabeceira
ga flages flag
Logo Concello de Vigo
INICIO ACTUALIDADE/NOTICIAS O Concello inviste un millón no campo do Carballal, a meirande inxección económica

O Concello inviste un millón no campo do Carballal, a meirande inxección económica

Vigo, 20 de Febreiro. - O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, anunciou hoxe un investimento en reformas de campos de fútbol por un total de 6 millóns de euros, dos que preto dun millón irá ao campo da Bandeira, en  Carballal, que dende hai un ano é epicentro de adestramentos e partidos dos equipos da Gran Peña e do AD Lavadores. Será ese o terreo coa meirande inxección económica. 

Cun calendario de obras marcado dende esta semana a xullo para actuar en quince terreos de xogo de Vigo, o edil explicou que “o campo do  Carballal é o que máis investimento municipal terá. Foi o primeiro en contar con eficiencia enerxética e os equipos dos clubs que nel desenvolven a súa actividade usan a instalación municipal de xeito gratuíto”.   
  
Fernández, que subliñou o “importante investimento municipal nese campo”, anunciou que dende que se detectaron problemas coa subministración de enerxía e de auga -caídas de tensión á noitiña, co uso ao tempo da rega do campo, a iluminación e as duchas-, os clubs estiveron informados tanto verbalmente como por escrito. De feito, o propio concelleiro estivo en contacto permanente co vicepresidente  grampeñista ata en cinco oportunidades dende o pasado día 5 e en dúas notificacións (días 7 e 14 deste mes) comunicóuselles a situación, informándolles dos estudos e acción que se están a facer.

Como primeira medida urxente, o Servizo de Electromecánicos instalou un analizador de redes para evaluar a situación. “Nuns días teremos todos os resultados, pero cremos que a caída de tensión é do 21%. Con todos os datos informaremos os clubs e transmitirémolos a Naturgy, o subministrador eléctrico, para que repoñan a potencia necesaria na zona”, avanzou o concelleiro. Fernández indicou que as entidades que usan o campo “teñen perfecto coñecemento” dos traballos que o Concello está a facer.

O goberno vigués investiu xa 430.000 euros na primeira fase de  Carballal (periodo 2017-18), coa iluminación artificial e o céspede sintético que substituíu ao campo de terra. “Cuberta a parte deportiva”, dixo Manel Fernández, “agora imos resolver a parte dotacional", para o que a Concellería de Deportes reservou 551.000 euros. Eses cartos irán á reforma integral dos vestiarios. Ademais, dende febreiro de 2018 o Concello investiu 20.000 euros en diversas incidencias no campo.

© DIFUSIONPROSPORT 2018
CONCELLERÍA DE DEPORTES
Área administrativa e técnica:
986 810 295 | 986 810 237 | 986 810 154
Email: concelleriadeportes@vigo.org