Vigo, 17 de Abril. - A Xunta de Goberno Local celebrada este mércores deu luz verde ás subvencións a entidades deportivas de elite para a actual tempada 18/19, por importe total de 301.500 €.
Este mércores celebrouse a Xunta de Goberno Local na que o executivo presidido por Abel Caballero aprobou subvencións nominativas mediante convenio a entidades deportivas de elite para a presente tempada deportiva 2018-2019, un apoio total de 301.500 euros para sete clubs.
Segundo os textos validados, o Concello achega para esta tempada 20.000 euros á Asociación Deportiva Carballal (balonmán) e a mesma cantidade para a SCD Atlántida de Matamá (fútbol feminino), 25.000 euros para o Unión Balonmán Lavadores, 30.000 euros para o Club Xuvenil de Teis (voleibol), 47.000 para o Vigo Voleibol, 75.000 euros para o Rápido de Bouzas (fútbol) e 84.500 euros para o Club Deportivo Bosco (baloncesto feminino).