Vigo, 18 de Novembro. - O concelleiro de Deportes de Vigo, Manel Fernández, recolleu esta fin de semana en Santiago o premio á mellor entidade pública que cada ano outorga Agaxede, a Asociación Galega de Xestores Deportivos, nun acto organizado na Cidade da Cultura.
O xurado dos X Premios Galicia á Xestión Deportiva, presidido por Eduardo Branco, decidiu que o Concello de Vigo fose este ano o receptor da distinción, tomando así o relevo do Concello de Redondela. O grupo de traballo que premiou a Vigo estivo composto por representantes da Secretaría Xeral para o Deporte, Facultade de Ciencias do Deporte e a E.F. (UDC), Federación Galega de Municipios e Provincias, Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte (Uvigo), Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física de Galicia (Colef), Federación Galega de Prensa Deportiva, Unión de Federacións Deportivas de Galicia e a propia Asociación Galega de Xestores Deportivos.
Na súa intervención tras recibir o trofeo e o diploma acreditativo, o edil de Deportes lembrou que "por convencimiento e por deber dunha administración pública, Vigo procura ser unha cidade para o deporte". Citou como claves do éxito "ás entidades deportivas, pola súa paixón e ilusión, que son grandes de sentimento; ás empresas que patrocinan e colaboran; e ao equipo directivo, técnico e administrativo" do Concello.
Manel Fernández tamén lanzou a proposta de que Vigo reciba a gala en 2020, o que foi aceptado por Agaxede. Os xestores deportivos galegos (tanto públicos como privados) premiaron a nove persoas, institucións ou empresas polo seu labor a prol da actividade deportiva, entre os que se atopaban tamén Lupe Murillo, presidenta do Pontevedra CF, os Street Games da Coruña ou Invernalia Ice Park.