Vigo, 28 de Xuño. -
O Concello patrocina este evento, co que arrinca a tempada ciclista estival nas rúas de Vigo. Caballero puxo ao Club Ciclista Teis como exemplo de "traballo continuo a prol do ciclismo e en todas as accións e mobilizacións do deporte vigués en xeral" e afirmou que o seu goberno municipal seguirá apoiando as iniciativas da entidade que preside José Antonio Ramos, que acudiu á rolda de prensa acompañado por Esperanza Simón, vicepresidenta do club, e Guillermo Sande, seleccionador galego.
A proba federada está deseñada para as categorías de escolas (principiantes, promesas, alevíns, infantís e cadetes). Co seu epicentro no mercado de Teis, contempla gymkana para promesas e principiantes, pero tamén carreira ao redor do mercado para eles (tres e cinco voltas, respectivamente), e para alevíns (dúas voltas), infantís (catro) e cadetes (nove).
Máis dunha treintena de formacións ciclistas de Galicia, Portugal, Asturias e Castela-León disputarán a "carreira que posiblemente ten máis público en Galicia", afirmou Ramos.
Para as 11:30 horas está programada a proba de fondo en estrada Máster. O circuíto deseñado será de 2.200 metros con saída e meta no mercado de Teis, que sobe Sanjurjo Badía e Enrique Lorenzo, toma a avenida de Guixar, Julián Estévez e regresa a Sanjurjo Badía. Os Máster darán 22 voltas ao mesmo.
"O ciclismo é un deporte e ademais é unha forma de transporte que cada vez máis empeza a ocupar o seu espazo. Trataremos de buscar fórmulas para potencialo como deporte, pero tamén como modo de transporte e vida saudable", concluíu o alcalde.