Vigo, 12 de Novembro. - O Concello de Vigo e a Asociación de Fútbol Afeccionado de Vigo (Afavi) abriron o prazo de inscrición para a sétima edición do Trofeo Concello de Vigo de Nadal na modalidade de fútbol 8.
Nesta oportunidade haberá cinco categorías, pois ás tradicionais (prebenxamín, benxamín, alevín e infantil) unirase a feminina por vez primeira, equiparando a competición á filosofía da Vigo Cup.
Deste xeito, no fútbol 8 xogarán as divisións prebenxamín (nados en 2012 e 2013), benxamín (2010 e 2011), alevín (2008 e 2009) e feminina (nadas despois de 2007), mentres que os infantís (2006 e 2007) competirán en fútbol 11.
A organización, coordinada por Daniel Costas, presidente de Afavi, ten previsto o torneo de 26 ao 29 de decembro, xogándose a final alevín o venres 27 porque o campeón terá billete para participar nun cadro internacional de seis equipos, no que estará o Celta, o sábado 28. As demais finais están fixadas no Municipal Pahíño de Navia o domingo 29.
Neste evento patrocinado pola Concellería de Deportes que dirixe Manel Fernández, a organización contará en principio con oito campos: A Bouza (Coia), Cotogrande, Federativo de Coia, Meixoeiro, Monte da Mina (Castrelos), Armando Cajaraville (Samil), A Guía e Pahíño (Navia).
Máis información en: vide@vide.es, a páxina web da Fundación Vigo en Deporte.