Vigo, 20 de Agosto. -
A 77 edición do Campionato de Vigo de tenis, IX Memorial Antonio Santorio dispútase dende hoxe luns e ata o domingo 2 no complexo deportivo municipal de Samil para categorías de benxamín a veterán. O "campionato afeccionado máis antigo de España", segundo explicou o alcalde da cidade, Abel Caballero, contará con máis de 300 participantes e aínda ten aberta a inscrición para os cadros de dobres, polo que haberá máis dos 200 partidos xa previstos.
O torneo, presentado en Alcaldía con asistencia do rexedor, recibe a un gran número das mellores raquetas de Galicia. A Caballero acompañárono o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, a vixente campioa absoluta, Uxía Martínez, e o subcampión masculino, Lolo Santomé, ademais do director do torneo, Pablo González, e do xuíz árbitro do mesmo, Fernando Rodríguez.
Por terceiro ano consecutivo, o trofeo pon en xogo dous ensaladeiras doadas polo Concello, como nos grandes torneos, e a organización esixe xogar de branco "porque queremos recuperar algunhas tradicións", explicou González. "Queremos ser un referente nese aspecto", asegurou o responsable da Escola de Tenis de Samil, da Federación Galega de Tenis.
"Cooperamos como corresponde", subliñou o alcalde, que chanceou con que o torneo "ten máis anos que eu, o cal me satisfai" (o evento comezou en 1941). Ademais, explicou que "o tenis ten algo moi importante como as formas, a amabilidade e a deportividade" e, dirixíndose a Uxía e Lolo, díxolles que cando saltan á pista "non sodes conscientes, pero a visión que nós temos de vós cambia completamente porque vos convertedes en personaxes poderosos, en líderes".
O campionato de novo ten carácter solidario (cada xogador entrega un quilo de comida) e Caballero anunciou que "teremos un gran torneo e do bo tempo encárgase o alcalde", animando á que se achegue a cidadanía para que "vexan tenis do bo".
O Campionato de Vigo, que conta co patrocinio municipal, confirmou a participación de varias figuras do tenis autonómico como Roberto Rodríguez, Lolo Santomé, Uxía Martínez, Carla del Barrio ou Tomás Currás. Roberto Rodríguez e Uxía Martínez defenderán o campionato de 2017. Santomé e Del Barrio foron finalistas.