Vigo, 6 de Febreiro. - A Subida ao Castro abrirá o 15 de febreiro, domingo (12:00 horas, Montero Ríos), o circuíto municipal Run Run Vigo 2026 de carreiras populares, que durará ata decembro e que patrocina o Concello de Vigo. A cinco días do peche de inscricións (o mércores), a cifra de 250 atletas xa se superou.
En Alcaldía, o xefe do goberno vigués, Abel Caballero, felicitou aos organizadores (Singletrack Outdoor Sports) por unha proba “moi dura” na que os participantes alcanzarán a fortaleza do Castro despois dun percorrido duns 3.000 metros no que deberán superar un desnivel de 152 metros sobre o nivel do mar e 643 chanzos.
Caballero estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, por responsables da organización (Guillermo Janeiro e Elena García), atletas (Noemí Álvarez e Pablo Camescasse) e representantes dos patrocinadores privados (Conservas Alfageme, Frutas Nieves e Amura).
O circuíto municipal está composto por doce carreiras. A Subida ao Castro, nacida en 2006 e que este ano cumpre dúas décadas de vida, é a máis curta de todas pero, sen dúbida, a máis difícil e esixente ao ter que superar numerosos tramos de escaleiras.