Vigo, 11 de Outubro. - A Supercopa de España volve a Vigo e, particularmente, ao Polideportivo Municipal de Navia, este sábado dende as 9:30 horas. Abel Caballero, alcalde de Vigo, presentou o XXIII Gran Premio Internacional Cidade de Vigo de judo cadete, que é Supercopa de España e Memorial Luis Soria.
O rexedor anunciou que este ano haberá récord de participación, pois esta subiu un 20% sobre 2017 para superar o medio milleiro de judokas de idade cadete. "A Supercopa é un circuíto que se abre en Vigo, como debe ser", sostivo Caballero, que indicou que as seguintes citas serán en Avilés (outubro) e Pamplona (decembro).
O xefe do goberno municipal, que estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, e polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, aplaudiu "o papel que xoga a Federación Galega en Vigo e en Galicia", e animou a que a cidadanía acuda este sábado "a ver o mellor judo que se pode ver en ningún sitio", dixo.
O evento será espectacular. Dende 2011 en Navia e precisamente dende ese ano como Supercopa, o Cidade de Vigo contará con seis tatamis e as competicións iniciaranse ás 9:30 horas cos pesos masculinos (hai oito, do mesmo xeito que en categoría feminina). As mulleres empezarán ás 12:30 horas.
"Estamos moi contentos. A participación desbordounos totalmente porque hai máis de 500 judokas: é o récord histórico en Vigo e nestas competicións e esperamos estar á altura e que se leven unha boa impresión da nosa cidade e da organización", apuntou Muzas.
O bo traballo destes anos, sempre co patrocinio do Concello, situou este evento como a gran referencia nacional en deporte de base. "Por vez primeira van participar todas as autonomías (as dezaseis máis a comunidade foral de Navarra), ademais de competidores de Italia e Portugal, co que é un evento de magnitude en categoría cadete", afirmou Muzas.
Para a organización, o Cidade de Vigo, que outrora era sénior e centrouse na categoría cadete en 2010, converteuse nun icono do deporte formativo. "É a idade na que os judokas empezan a competir de cara a facerse grandes campións. Sen dúbida serán o futuro do deporte español, galego e vigués", manifestou o presidente federativo.
Respecto ao ano pasado, dous vencedoras, a viguesa Laura Fernández (Famu) e a madrileña Gema Gómez, repiten presenza por idade. Vázquez impúxose en 2017 en -57 quilos e agora competirá nun peso superior (-63); Gómez venceu en -48 quilos e defenderá cetro.
Nesta edición Galicia presenta 99 judokas; deles, 35 serán da provincia e dese número hai 25 vigueses (16 de Asociación Deportiva Famu e 9 do Galicia Sur). Destaca tamén Portugal, que este ano acode coa maior delegación: 92 mozos e 46 mozas ademais de 29 técnicos.
Un total de 504 judokas, máis 141 técnicos, buscarán o título en (-40 quilos, -44, -48, -52, -57, -63, -70 e 70 kgs. en féminas e -50, -55, -60, -66, -73, -81, -90 e 90 kgs. en categoría masculina. A loita polo bronce está marcada ás 15:00 horas e ás 16:00, a loita polas finais.
Este torneo, para deportistas de 14 a 16 anos, leva oito anos consecutivos sendo puntuado como o número 1 do país pola Federación Española de Judo.