Vigo, 16 de Xullo. -
O rexedor, acompañado por Gustavo Veloso, Oti Viera e Pili Vázquez, membros da organización, e polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, anunciou que son 750 os participantes que acudirán a Vigo fronte aos 188 da primeira edición ou o medio milleiro do ano pasado.
"É unha efeméride dunha importancia capital en Vigo, isto vai ser apoteósico e quéroo transmitir así. Ao final é nadar, saltar, correr, halterofilia, ximnasia... Aquí estarán os top de todo isto", explicou o xefe do goberno local. De feito, non hai outra igual en Europa.
Considerado un "deporte duro e de fortaleza extrema" polo alcalde, haberá cinco categorías (Intro, Prol, RX e Elite, ademais da Máster), unha máis que en 2017.
"É a proba máis importante que hai en España e querémonos converter nos mellores de Europa", manifestou abertamente o alcalde, que considera a Vigo Battle como un trofeo "de rango internacional: interveñen atletas de seis países e isto ten un nivelazo", subliñou. En 2017 viñeron equipos estranxeiros. E o boom foi tal que nesta oportunidade serán de seis países (España, Francia, Bélxica, Andorra, Italia e Portugal).
Veloso, pola súa banda, lembrou que "empezamos aos poucos, de forma humilde", cunha idea que funciona. "En agosto un deportista de crossfit non está no seu mellor momento de forma física porque xa témolo competindo, pero ao darlle forma social e turística campionato a xente anímase máis".
E o evento converteuse nunha cita deportiva e turística a partes iguais. "Aos atletas encantoulles a cidade, a comida, o clima e a competición". E quédanse da orde de catro a seis días coa familia.
Este ano a inscrición estaba pensada para medio milleiro de participantes, pero diante da avalancha de solicitudes (1.500), a organización optou por ampliar a cota de equipos inscritos na fase previa, é dicir, "a metade dos que se apuntaron".
Outra novidade é a incorporación do trail, en Fragoselo e co visto bo da comunidade de Montes. Serán "catro ou cinco quilómetros; que xa se fan bastante duros cos desniveis que ten". O reto de Veloso é "tentar facelo ben. Quero que sexa o mellor campionato de Europa", dixo, para traer 1.000 atletas en 2019.
O crossfit é un tipo de adestramento intenso e variado. Os participantes terán que nadar, correr, saltar, facer exercicios de halterofilia, de ximnasia... Esta disciplina nútrese especialmente do atletismo, ximnasia, halterofilia e natación.
O venres 3 arrincará a competición no campo de fútbol de Samil con probas ás 12:00 e ás 16:00 horas, o sábado ás 8:00 horas estarán nadando na praia e ás 11:00 e ás 15:00 horas batallando de novo no complexo. E o domingo, o trail ás 8:00 e as finais no campo de fútbol ás 11:00.