Vigo, 30 de Xullo. - A Vigo Battle of Teams, a quinta edición dunha competición de crossfit que abrangue participantes de seis países (España, Francia, Bélxica, Alemaña, Italia e Portugal) celebrarase esta fin de semana no complexo deportivo municipal de Samil, de venres a domingo, co patrocinio do Concello de Vigo, segundo anunciou o concelleiro de Deportes, Manel Fernández.
Na presentación, o edil explicou que "a Vigo Battle of Teams é unha competición de alto nivel que vén de converterse nun evento de referencia en España e mesmo en toda Europa". E é que hai uns mil competidores, ademais de reservas (son equipos de cinco deportistas que poden achegarse con dous suplentes por lesións).
Segundo a organización, CrossfitVigo, cuxa alma máter é Gustavo Veloso, o evento moverá preto de 2.500 persoas entre competidores e familiares, con moita xente de Madrid, Barcelona e País Vasco. De feito, o evento está pensado "para unir deporte e turismo", explicou Veloso, que lembrou tamén que superan o milleiro de participantes (750 no 2018) "porque foi unha promesa que fixemos o ano pasado ao alcalde. Somos considerados o evento de crossfit máis importante de España e agora o meirande de Europa por número de participantes".
Con 180 equipos, a competición está dividida en cinco categorías (Intro, Pro, RX, Master 35 e Elite). Os participantes terán que nadar, correr, saltar, facer probas de esforzo e exercicios de halterofilia, de ximnasia... entre a praia de Samil, o campo Armando Cajaraville do complexo municipal e Fragoselo (Coruxo).
"Espero que sexan uns xogos espléndidos porque esta competición xa forma parte do calendario habitual de deportes de Vigo", concluíu o concelleiro.