Vigo, 6 de Maio. - A Vigo Cup xa conta con cartel oficial para a súa edición deste verán, a vixésima terceira. Do 17 ao 30 de xuño, o torneo internacional de fútbol basee e fútbol sala disputarase nos mellores campos e polideportivos municipais.
Como estaba previsto, e anunciado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, desde xaneiro pasado, na primeira semana, 17 ao 23, competirán nas diferentes categorías os equipos de fútbol sala. E do 24 ao 30 disputarase o Torneo New Balance de penaltis e as competicións de fútbol 7 e fútbol 11. O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, vicepresidente executivo da Fundación VIDE, espera unha excelente resposta dos clubs locais.
VIDE, por encargo do Concello, ocuparase un ano máis da loxística organizativa. A Vigo Cup é o campionato de base que maior número de participantes mobiliza na cidade, pois entre as tres disciplinas reúne a máis de 5.000 deportistas.
A Vigo Cup creouse no ano 2001 para fútbol 7 e 11, e no verán de 2017 a organización decidiu ampliala a dúas semanas, ao entrar tamén o fútbol sala. Só a pandemia de 2020 evitou a disputa dunha edición. Máis información sobre a Vigo Cup 2024 (inscrición,...) no portal oficial do campionato (www.vigocup.com). Na páxina web do torneo pódese descargar a normativa das modalidades de fútbol 7 e fútbol 11 e toda a documentación para a inscrición no campionato de fútbol sala.