Vigo, 20 de Xaneiro. - O alcalde de Vigo, Abel Caballero, lanzou un reto aos atletas do circuíto Run Run Vigo 2026 que se iniciará o 15 de febreiro coa Subida ao Castro e que concluirá en decembro.
“Explicáronme a importancia de facer todas as carreiras e a dificultade que ten”, sinalou en referencia a Mónica Vázquez, atleta do Máis que Auga que acompañou ao alcalde, ao edil de Deportes. Manel Fernández, e á concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, na entrega de premios.
A atleta quedou sen título en varias edicións por perderse unha das probas. O rexedor pediu aos asistentes “que o ano que vén sexan 300 os atletas que acabasen as doce carreiras” fronte aos corenta (vinte e sete homes e trece mulleres) que cumpriron coa ducia de esixentes citas en 2025.
A gala, ademais de celebrar os podios do Run Run do pasado ano, descubriu que os campións da clasificación ponderada foron a danesa Lea Breinholt, gañadora da categoría F1 (nadas entre 1986 e 2005) e José Alberto Bastos (M2, nacidos entre 1976 e 1985), trofeo que só se desvela ao comezo da seguinte edición e que se decide entre os dez campións mediante un coeficiente que ten en conta a participación en cada grupo de idade, a porcentaxe de vitorias sobre o total de probas e os puntos sumados.
Caballero empezou o seu discurso cun recordo ás vítimas do accidente ferroviario de Córdoba, o momento máis triste da gala, para recoñecer despois a atletas, directivos, técnicos e organizadores de probas o “extraordinario” do seu esforzo. “O mellor atletismo do mundo non é a maratón de Nova York, é a Run Run de Vigo”, resolveu o rexedor.