Vigo, 6 de Marzo. - Os “riders” voltan a Coruxo dous anos despois. Este domingo celébrase en Fragoselo unha nova edición da Vigo Bike Contest, unha proba de ciclismo de montaña que organiza Singletrack Outdoor Sports co patrocinio do Concello e que o alcalde Abel Caballero definiu como “unha proba dura”.
Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, por organizadores (Guillermo Janeiro e Javier Sánchez), un representante dos patrocinadores privados (Marcial Rodríguez) e tres ciclistas (Eva Abadín, Nicolás Carrera e José Manuel Vaqueiro), o rexedor puxo en valor a calidade dun evento “internacionalizado".
A competición, que se celebra dende o ano 2000, conseguiu nesta edición “un dos seus récords de participación”, explicou Janeiro, o seu organizador; haberá 220 inscritos de Galicia, Asturias, Castela-León e Portugal. O alcalde repartiu sorte entre os participantes desta dura carreira e animou aos vigueses a seguila xa que "é un espectáculo". A Enduro Pro son 22 quilómetros con máis de 1.000 metros de desnivel con saída ás 8:45 horas; a marcha popular polo monte, de 18 km. (10:00 horas).
Catro tramos cronometrados individuais darán paso a unha “mini avalancha” (saídas en grupos de 20 corredores) en categoría Enduro Pro. “Apostamos por un formato diferente”, sostivo a organización, que ademais incorpora a Enduro Experience, unha marcha popular non competitiva “para aqueles que queiran ter unha primeira experiencia” no mountain bike.
A saída e a meta volven a Fragoselo tras un ano en Saiáns (2017) e outro no monte Vixiador (2018). Os tramos, en Coruxo, Saiáns, Priegue/Camos e Chandebrito. Por iso o lema deste ano é “Home, sweet home”, frase en inglés que o alcalde comentou. “Isto é duro, complicado, non é para calquera”, resumiu Caballero. Ademais da competición desta fin de semana, Vigo Bike Contest programa para o próximo 28 de abril (xornada electoral) a Transgalaica, que é un maratón de BTT de 56 km nos montes de Candeán.