Vigo, 22 de Agosto. - O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe que 400 ciclistas vanse dar cita este sábado e domingo (25 e 26) no Areal, Porta do Sol, Praza do Bicentenario e monte do Castro na cuadraxésimo quinta edición do Gran Premio Cidade de Vigo de ciclismo, no que competirán equipos de Galicia, Asturias (o Ciudad de Oviedo ou o tamén ovetense Kuota), Castela-León (o Diputación de León), moi probablemente, Portugal.
O Club Ciclista Vigués-Autronic, organizador do campionato dende os anos 70, asegurou a través do seu presidente, Carlos Vidal, que unha proba así “no centro, nunha arteria que ten a estación de ferrocarril e o domingo cruzando dende a Porta do Sol ata o Castro, require unha loxística tremenda”. De feito, o club contará con medio cento de voluntarios, ademais do apoio da Policía Local e de Protección Civil.
“Son corenta e cinco edicións que lle dan un prestixio”, sostivo o rexedor, que lembrou que o sábado (16:30) no Areal haberá probas para todas as categorías (e de velocidade para Elite e Sub-23), mentras que o domingo (9:30) será o tempo para a crono-escalada.
Polo tanto, todas as idades, dende os principiantes ata os Elite/Sub-23, terán probas.
Deste xeito, Areal vai acoller un xigantesco circuíto urbano por terceiro ano consecutivo. O protagonismo principal será dos Elite e Sub-23, que vivirán o sábado, neste chamado Díptico de Galicia, unha carreira de fondo (20 voltas), unha de sprints (15 voltas con sprint cada tres) e unha de eliminación. O domingo, quenda para os escaladores primeiro cunha crono-escalada entre Porta do Sol e O Castro (3,5 quilómetros) ás 9:30 horas e despois (12:00) unha subida dende a Praza do Bicentenario (cruzamento de Camelias con Venezuela) ao monte do Castro por Marqués de Alcedo e Manuel Olivié, dando varias voltas ao circuíto Paseo dos Cedros-Paseo Cronista Álvarez Blázquez, quince para os Elite e Sub-23 e cinco para cadetes, júniors e féminas.
“O ciclismo é unha actividade de beleza extraordinaria, pero as bicis son a modernidade e tamén queremos que Vigo teña carrís bici e o que estamos a facer vai moi avanzado”, explicou Caballero. Ao acto asistiu tamén o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, ademais de varios ciclistas (Paula, Gonzalo, David, Quique, Diego e Samuel) das categorías de formación do Club Ciclista Vigués.