foto cabeceira
ga flages flag
Logo Concello de Vigo
INICIO ACTUALIDADE/NOTICIAS Caballero entregou as bolsas VIDE, con protagonismo feminino, e anunciou "novas axudas" para o deporte individual dende o vindeiro ano

Caballero entregou as bolsas VIDE, con protagonismo feminino, e anunciou "novas axudas" para o deporte individual dende o vindeiro ano

Vigo, 12 de Decembro. - Abel Caballero, alcalde de Vigo, celebrou este martes o "traballo e talento" dos deportistas vigueses perceptores dunha bolsa da Fundación VIDE que impulsa o Concello e, no que foi salón de sesións do antigo Concello na Praza da Constitución ata os anos 70, anunciou que para o vindeiro ano "imos repensar canto esforzo máis podemos dedicar ao deporte individual".

Ata vinte e tres mozas e mozos sub-23 recibiron a axuda de VIDE polos seus méritos deportivos da tempada 17-18, cun "récord histórico da representación do deporte feminino" (dezaoito bolseiras), como explicou o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, na introdución do acto de entrega presidido por Caballero na Casa Galega da Cultura. 

O xefe do goberno municipal explicou ás deportistas e familiares presentes que o seu obxectivo primordial "é o deporte de base", pero tamén lembrou que "os bolseiros sodes referentes, modelos para toda a canteira" polos éxitos colleitados, e anunciou "novas axudas" para 2019.

"Prometín duplicar as axudas ao deporte e máis que as duplicamos neste mandato; agora teño novas ideas respecto diso para potenciarlo" e, en especial, para as axudas ao deporte individual, de parellas, tríos ou cuartetos, que recibe unha subvención (sen límite de idade a través do Concello, Deportes destina 50.000 euros dende 2016) e 20.000 por VIDE para sub-23 dende 2014.

O rexedor, que tivo tempo para chancear ("comos sodes os mellores do mundo tamén temos as mellores luces do mundo", manifestou) viviu o instante máis emotivo coa entrega do cheque á esgrimista Judith Rodríguez, á que deu unha forte aperta.

Deportistas de dez modalidades e representando tamén a dez entidades deportivas beneficiáronse desta axuda do Concello a través de VIDE, con dezaoito bolsas individuais, unha a un trío de ximnastas do Flic Flac (Andrea Verísimo, Belén Gómez e Alexandra González) e outra á parella mixta de taekwondistas do Yi Dam formada por Eirim Vaamonde e Aitor Priego. Oito das deportistas, todas mulleres, repetiron sobre as axudas de 2017.

Seis competicións, entre mundiais, continentais e nacionais (Campionato ou Copa do Mundo, Europa e España) puntuaban á hora de acadar os puntos. O deportista máis valorado na campaña 17/18 foi o trío do Flic Flac (73 puntos), que foi medalla de bronce na Copa do Mundo de Lisboa e quinto no Mundial de Polonia de ximnasia acrobática.

© DIFUSIONPROSPORT 2018
CONCELLERÍA DE DEPORTES
Área administrativa e técnica:
986 810 295 | 986 810 237 | 986 810 154
Email: concelleriadeportes@vigo.org