foto cabeceira
ga flages flag
Logo Concello de Vigo
INICIO ACTUALIDADE/NOTICIAS Caballero celebra os dez anos da Liga Concello de Vigo de natación escolar

Caballero celebra os dez anos da Liga Concello de Vigo de natación escolar

Vigo, 26 de Xaneiro. - O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este venres a Liga Concello de Vigo de natación escolar, unha das accións complementarias ao programa municipal de escolas deportivas xunto co Trofeo Concello de Vigo de fútbol 8 (os sábados en Samil) e a Liga Linco de baloncesto (en Navia e en Balaídos), que comezará en poucas semanas. Para o xefe do goberno municipal é “un proxecto deportivo importante, fantástico e vital”.

Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, polo presidente do Club Natación Vigo Rías Baixas, Enrique Pérez Cruces, e un dos membros do cadro técnico do club, Nina Rodríguez, Caballero celebrou o décimo aniversario da liga, “para centros educativos de Primaria”, lembrou o rexedor. Nesta oitava edición a piscina do Carme acollerá tres xornadas (este domingo día 28 ás 9:00 horas, o 17 de marzo e o 26 de maio). Co patrocinio municipal, o CN Vigo Rías Baixas está encargado da organización técnica, co apoio da Fundación VIDE e de Frutas Nieves.

Para esta primeira xornada pechouse a inscrición en 404 nadadores de trinta e dous centros de ensino, entre a categoría promesa (141 participantes, nacidos dende 2016 a 2018) e a benxamín (263, das xeracións do 2012 ao 2015), coa previsión de que ao remate do campionato se acaden os 600 participantes. Caballero incidiu en que a Liga “é unha experiencia marabillosa pois nenas e nenos aprenden a nadar e a competir nesta actividade”.

A Liga Concello de Vigo mantén o formato habitual: en xaneiro e marzo, 25 metros libre e 25 costas, en competición mixta, e na derradeira xornada, de entrega de medallas, tódolos participantes nadarán 25 metros libre. Na derradeira edición, no 2023, o Colexio Apóstol Santiago venceu na clasificación por puntos, mentres que a Escola Rosalía de Castro levantou o trofeo de colexio máis participativo. Os nadadores e nadadoras de Xesuítas levan seis edicións consecutivas de vitoria en vitoria.

O alcalde cifrou nuns 1.500 nenas e nenos os que compiten nestes eventos proxectados polo Concello para a base (fútbol, natación e baloncesto), con fin de reforzar o traballo dos clubs e entidades nas escolas deportivas.

© DIFUSIONPROSPORT 2018
CONCELLERÍA DE DEPORTES
Área administrativa e técnica:
986 810 295 | 986 810 237 | 986 810 154
Email: concelleriadeportes@vigo.org