Vigo, 6 de Marzo. - O alcalde de Vigo presentou este venres o novo circuíto municipal de cros escolar, que comezará este domingo 8 de marzo e que este ano alcanza cifras récord cun total de nove probas e arredor de 4.000 participantes.
A primeira proba do calendario será o Cros de Monterrey, este domingo (10:30 horas), cun percorrido polo entorno da Travesía de Vigo e meta no propio centro educativo. A carreira conta con 355 nenos e nenas inscritos e tamén incluirá probas para familias, nas que participarán 38 pais e nais. O segundo evento do circuíto que patrocina o Concello será o Cros Párroco Don Camilo (día 15), que xa pechou inscricións con 386 atletas e 59 pais e nais.
Na presentación, xunto co concelleiro de Deportes, Manel Fernández, participaron representantes da Asociación de Xóvenes Atletas —Belarmino Alonso, Eleuterio García e Antero Docampo—, así como membros de diferentes ANPA implicadas na organización das carreiras: José Sarabia (ANPA Doctor Fleming), Adela Domínguez (ANPA Monterrey), Desirée Barral e Brais Costas (ANPA Carrasqueira), Natividad Abalde (ANPA Mosteiro), Aldara Argibay (ANPA Coutada Beade) e Roberto Crego, párroco de Don Camilo, aos que Abel Caballero puxo en valor polo seu labor neste circuíto de carreiras.
O circuíto amplíase este ano coa incorporación do cross Dr. Fleming e o de Sobreira-Valladares, elevando a nove o número total de carreiras, con final o 15 de outubro en Castrelos coa II Vigo Corre.