Vigo, 8 de Novembro. - O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou onte varias novidades nos Orzamentos 2024 do Concello. O rexedor deu conta de seis partidas de importancia para executar ao longo do vindeiro ano.
O capítulo de investimentos reserva 1,1 millóns de euros para reparacións de cubertas e vestiarios de tódalas instalacións e campos de fútbol. A mellora de vestiarios estaba na axenda de Caballero e de Manel Fernández, concelleiro de Deportes, dende que concluiu a reforma dos terros de xogo e a posta en marcha dalgúns novos.
Tamén haberá 450.000 euros para o inicio da reconstrución da piscina municipal de Teis. En valoración do concurso público está a proposta do proxecto de mellora da instalación, que se vai decidir nas vindeiras semanas.
Ademais, o Concello destina 300.000 euros para o proxecto das pistas de atletismo de Balaídos e a mesma cantidade para melloras no estadio de Balaídos, que quedaban pendentes da grada de Marcador, así como o inicio do proxecto da grada de Gol.
Melloras en instalacións (450.000 euros) e a adquisición de equipamento deportivo (80.000 euros) foron outras das cuestión avanzadas polo alcalde.