Vigo, 20 de Abril. -
Esta festa está programada para o sábado 28 de abril (17:00 horas) no pavillón municipal de Bouzas, a sede natural desta actividade dende 2010.
A competición, de defensa persoal, reunirá durante dúas horas a karatecas dos colexios Compañía de María e San Salvador de Teis, a outros do programa municipal de escolas deportivas, ademais de valores dos clubs Shotokan e Okinawa.
O presidente e fundador da A.D. Zanshin, Fernando Álvarez, explicou que o cheo nas bancadas "está garantido", e o alcalde da cidade, que foi recibido por catro rapaces do Shotokan (Natalia Martín, María Corredera, Elisa de la Torre e Xián Bouzó) cun movemento denominado "man de sabre", puxo en valor "a importancia desta festa infantil" e o seu persoal "respecto polo gran traballo de Fernando Álvarez".
Caballero asegurou que o público vaise atopar "cun espectáculo marabilloso", aínda que pediu ademais aos afeccionados que observen "a filosofía que se aplica, porque é unha filosofía deportiva pero tamén é unha forma de entender a vida dende o acougo, a proximidade e o exercicio físico, e dende as mellores virtudes das persoas".
A Festa Infantil do Kárate cumpre tres décadas e é a referencia desta modalidade xunto co Trofeo Cidade de Vigo, que tamén organiza o Zanshin en novembro.
Grazas ao patrocinio do Concello, Álvarez confirmou que "podemos facer moito máis polo kárate. De non ser así estas actividades pasarían desapercibidas", e tamén agradeceu o apoio de patrocinadores privados como Campofrío, Tahona, Comidiseño e Panadería Maíz.
O Zanshin completará as dúas horas de festa cunha exhibición de tai chi e demostracións de kárate de profesores e alumnos que participan en competicións federadas.