Vigo, 3 de Setembro. - O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe a primeira edición da Carreira do Corazón Cidade de Vigo, que este domingo (10:00 horas) vaise celebrar en Navia, diante do complexo deportivo municipal (rúa Lamelas).
Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o presidente da Asociación Kilómetros por ti MFA, Diego Fernández, o presidente da Asociación de Cardiópatas de Galicia Sur, Antonio Cascante, e membros da organización, o rexedor animou á cidadanía a que acuda a presenciar esta nova proba, que se une ás iniciativas solidarias que poñen o foco no atletismo.
"Que vigueses e viguesas participen", sostivo Caballero, que lembrou que "o running é unha parte integrante da cultura viguesa que practicamos en tantos lugares e é unha actividade deportiva saudable da maior importancia".
A proba, cun tope dun milleiro de inscritos na suma dos participantes na carreira competitiva (10.000 metros) e a andaina (6 km.), cubrirá sen problemas o obxectivo pois conta con máis de 950 persoas dispostas a andar (superadas as 560 xa) ou a correr (preto de 400).
"A idea parte dun acontecemento moi triste para nós", recoñecía a organización, pois en setembro pasado perdían a un amigo, Mario Fonseca, de morte súbita mentres practicaba 'running'. Mario Fonseca tiña 40 anos. "Os seus máis achegados decidimos que o mellor que podiamos facer era non quedarnos de brazos cruzados e facerlle unha homenaxe", e de aí este memorial que, para lembrar a quen "era todo corazón" centrouse en "concienciar á xente que un estilo de vida saudable pode ser a clave dunha protección cardiosaludable", dixo Diego Fernández.
A carreira discorrerá por Navia e o paseo do Lagares. As rúas de paso serán: Lamelas, Pedra Seixa, Xuncal, San Paio, Paseo do Lagares, Avenida da Florida, Paseo do Lagares, rúa Río Lagares, Caramuxo, Avenida Ricardo Mella, Teixugueiras ata o cruzamento con Ufas, Teixugueiras de novo, Limpiño, Parque Nelson Mandela, Limpiño ata o cruzamento con Pedra Seixa, Limpiño, Teixugueiras e Lamelas, rematando fronte ao Máis Que Auga.
No 10.000 haberá catro categorías: sénior (ata 39 anos), máster A (40-49), B (50-59) e C (60 ou máis anos), con trofeos para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres de cada unha delas. A recolleita de dorsais realizarase este venres e sábado 7 en Decathlon Meixueiro (de 10:00 a 21:00) e o domingo de 8:00 a 9:30 en Máis que Auga Navia.
A organización entendeu que a proba debe de ser un exemplo, polo que será unha carreira cardioprotexida que contará con animación tanto durante a mesma como ao final, coa actuación da cantante Sokie, que interpretará, entre outros, "Ven", o tema da carreira.
Antonio Cascante, en representación da asociación de Cardiópatas de Galicia Sur, explicou que esta é "das primeiras e case únicas iniciativas en España" que advirten de que as enfermidades do corazón son a primeira causa de morte no primeiro mundo.
A proba abre un setembro con atletismo cada fin de semana en Vigo: día 15 10K do Berbés (do circuíto municipal Run Run Vigo de carreiras populares), día 22 Desafío Cíes (7K entre O Vao e Samil con final no Vao) e día 29 o I Memorial Alfonso Varela (carreira pola praia de Samil aproveitando a baixamar).