foto cabeceira
ga flages flag
Logo Concello de Vigo
INICIO ACTUALIDADE/NOTICIAS A Travesía a Nado Ardora, "unha proba de excelencia"

A Travesía a Nado Ardora, "unha proba de excelencia"

Vigo, 15 de Maio. - Club Natación Vigo Rías Baixas, Concello de Vigo e Mercado de Teis, organizador aquel e patrocinadores estes, presentaron esta mañá a Travesía a nado Nocturna Ardora, que por terceiro ano consecutivo elixe xuño, esta vez o sábado 29 (23:15 horas), para que 120 participantes (hai inscrición restrinxida por motivos de seguridade) gocen cun evento "único en Galicia", segundo sinalou Antonio Vázquez, presidente do club.

O Vigo Rías Baixas celebrou en 2017 a primeira edición desta proba, sempre coa dársena da praia de Ríos como escenario. "Tardamos cinco anos en preparala", apuntou Vázquez, "pola súa casuística", dixo, e "aos poucos vai crecendo". O máis problemático: "É unha travesía complicada de organizar porque é de noite; calquera tipo de seguro custa o dobre", explicou.

"É unha travesía única en Galicia", manifestou Vázquez, aínda que nesta década hai outras en varias comunidades autónomas. Nadarán unha milla náutica (1.852 metros) entre boias luminosas (luces led azuis), cos nadadores portando gorros con barras químicas de cor verde para unha inmediata localización e estreitamente vixiados por neumáticas e kayaks.

"Somos un club de barrio, que naceu en Teis hai vinte e tres anos, e non hai outro punto mellor para presentar este evento", sostivo o dirixente do Rías sobre a decisión de facer a rolda de prensa no interior do mercado. O mercado de Teis, que organiza dende este ano unha carreira atlética popular, tamén patrocina este evento, que o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, cualificou de "proba de excelencia no calendario de eventos da cidade", ao ser "totalmente diferente; cada vez ten máis auxe e repercusión", sostivo o edil.

Precisamente hai un ano o concelleiro pedira ao club "que désemos o salto para lograr o carácter internacional", recoñeceu Vázquez. E así foi: haberá representación italiana e rumana nun evento moi custoso polas lóxicas medidas de seguridade que marca Capitanía Marítima.

Vigo xa conta con probas nocturnas doutras modalidades e faltaba a natación. "A dársena da ETEA préstase para facer moita actividade náutica e esta xa é unha proba de referencia", explicou Fernández.

Roberto Giráldez, xerente do mercado, a quen durante a presentación uniuse a presidenta da praza de abastos, Emma Herbello, desexou "moitos éxitos" á nocturna "porque facedes que a xente veña, coñeza Teis, coñeza Vigo e as marabillas que este barrio vigués ten".
 
O CN Rías Baixas lembrou tamén que é unha proba aberta a nadadores con discapacidad. "Contamos cos medios necesarios para que se sintan libres no auga", concluíu.

© DIFUSIONPROSPORT 2018
CONCELLERÍA DE DEPORTES
Área administrativa e técnica:
986 810 295 | 986 810 237 | 986 810 154
Email: concelleriadeportes@vigo.org