Vigo, 17 de Outubro. - Vigo, 17 de outubro.- A Semana do Atlántico presentouse hoxe mércores no Salón Nobre do Real Club Náutico de Vigo con total respaldo institucional, federativo e empresarial na que será a súa decimonovena edición. Por primeira vez esta iniciativa está organizada pola Fundación Club Náutico de Vigo, co apoio do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra no ano da maioría de idade (18 anos) do evento nacido no 2000.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pechou un acto aberto polo vicepresidente da sociedade, José Antonio Portela, dando "moito valor" ao patrocinio "da actividade privada nos actos deportivos", en referencia ao apoio da firma Agua de Sousas ao evento, e augurou a continuidade no tempo da Semana, afirmando que "a gran revolución que é o deporte" tamén alcanza á vela. Además, fixo a broma de dicir que "só en Vigo pasa o de ter unha Semana de tres semanas". Caballero estivo acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, e pola nova concelleira Nuria Rodríguez.
A serie de campionatos, que conta como é habitual con tres ciclos competitivos coincidentes con outras tantas fins de semana consecutivas, dúas na Ría de Vigo (19, 20 e 21 de outubro e 2, 3 e 4 de novembro) e unha en Viana do Castelo (Portugal), do 26 ao 28 de outubro, moverá na suma das dúas citas viguesas a uns 460 barcos e 600 regatistas (130 unidades esta fin de semana e 330 Optimist en novembro) de polo menos once países (España, Portugal, Letonia, Noruega, Gran Bretaña, Irlanda, Bélgica, Italia, Malta, Mozambique e India) a falta de que este xoves se pechen as inscricións. Fontes da organización avanzaron que na recta final do prazo estanse a recibir numerosas solicitudes para disputar o tradicional trofeo, que por cuarto ano consecutivo crece en número de inscritos.
“É un exemplo de competición”, sostivo o vicepresidente do Náutico, José Antonio Portela, que ademáis incidiu no “gran atractivo comercial” que supón a nivel turístico pola presencia de deportistas de varios países, algúns por vez primeira na cidade.
A Semana, presentada por Agua de Sousas, cuxo apoio ao acto visibilizou o director comercial da empresa, Antonio Fernández, reúne este outono un feixe de títulos de prestixio: ademais dos propios do certame para cada clase (Láser, Finn, 420, Snipe, Vaurien e Optimist) pon en xogo o Campionato Ibérico de Vaurien, a tradicional confrontación entre as flotas de España e Portugal, e os Campionatos de Galicia de 420 e de Láser.
A maiores, as probas de Optimist de Viana (Trofeo Cidade de Viana) e Vigo (Meeting Internacional Cidade de Vigo) proclamarán o vencedor da Semana nesa categoría de formación, que abre igualmente o exclusivo circuíto Optimist Excellence Cup, un open internacional que consta de catro probas en augas españolas e que arrinca en Vigo.