Vigo, 4 de Outubro. - Máis de 1.800 participantes na quinta edición do Desafío Boot Camp, a celebrarse en Samil este domingo (10:15 horas), cumprindo deste xeito coas estimacións da organización.
A carreira de obstáculos, máis de trinta e case todos artificiais, é outro dos eventos estrela que se fan en Samil. "É imposible, pero o fan", explicou o alcalde sobre esta modalidade. "Cando os seres humanos normais vemos a capacidade dalgunhas persoas para facer deporte extremo, sentimos a importancia do que isto significa, destes 7 quilómetros cheos de tantas dificultades", dixo.
O rexedor, acompañado do edil de Deportes, Manel Fernández, e de representantes da organización e dos patrocinadores privados, quixo "invitar a toda a cidade a que se achegue para ver deporte extremo, un espectáculo digno de verse, de dificultade extrema e de como os atletas son capaces de facerlle fronte".
David Suárez, responsable do evento, avanzou que "esperamos que o 45% dos participantes sexan de fóra da comunidade autónoma". De feito hai inscritos da Riouxa, Asturias, País Vasco, Canarias, Castela-León e Madrid "e un 5% son de Portugal".
A montaxe dos obstáculos leva un cento de horas e o evento implica a 41 empresas locais. A competición, ademais, supón "máis de 500 pernoctas en Vigo". "É unha carreira para todos os públicos", dixo Suárez, que dende o primeiro ano en categoría Elite é unha das vinte probas do Campionato de España e clasificatoria dende 2016 para o Campionato de Europa, ademais de pertencer á Liga Galega de carreiras de obstáculos.
Ademais, o evento aposta polo medio ambiente (campaña de reciclaxe de plástico a cambio da reforestación da contorna con especies autóctonas baixo a coordinación de Montes de Vigo).