foto cabeceira
ga flages flag
Logo Concello de Vigo
INICIO ACTUALIDAD/NOTICIAS Paula, "Viti" e Clau, as e os mellores nos Premios VIDE

Paula, "Viti" e Clau, as e os mellores nos Premios VIDE

Vigo, 4 de Marzo. - Víctor Vázquez, "Viti" (Vigo, 1987), Paula González (Vigo, 2004) e Claudia Martínez, "Clau" (Aldán, 1994) foron elixidos Premios VIDE 2021 en fútbol os dous primeiros nomes e en fútbol sala a morracense. Os tres, polo seu rol destacado na tempada 2019/20, na que se amosaron decisivos para os seus equipos. Relevan aos vigueses Antón de Vicente (Coruxo FC), Lara Martínez (Interrías FF) e Antía Pérez (Poio Pescamar FS).

Os premios desveláronse durante a gala (cun número moi reducido de público, medio cento de persoas, polo Covid-19), que tivo lugar no Pavillón Central das Travesas e que estivo presidida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e por representantes de varios dos patrocinadores privados (Recalvi, Vitrasa, Gadis, Frutas Nieves, Mar de Ons, CdeC e Viaxes Zonda) que apoian a actividade de formación levada dende a Fundación Vigo en Deporte. O Central tomou a substitución do auditorio do Museo Marco, a sede dos premios os dous anos anteriores.

Víctor Vázquez "Viti", un futbolista perseguido polas lesións hai unha década e que comezou a deixalas atrás a partir de 2012 no Alertanavia, Arenteiro, Valladares, Areas e agora o Rápido de Bouzas, recibiu o galardón pola súa brillante tempada pasada na Cultural de Areas, coa que conquistou o "Pichichi" de toda a Preferente galega ao asinar 21 goles en 25 partidos. No Rápido de Bouzas na actualidade, en 3ª División. Paula González, defensa viguesa, foi unha das pezas craves no ascenso da Unión Deportiva Mos á 1ª Nacional, ademais de ser chamada para concentracións con España sub-16. E segue a ser unha futbolista importante no esquema de Telmo González agora. Pola súa banda, Claudia Martínez "Clau", na súa segunda etapa deportiva (anos atrás xogou na elite co Poio Pescamar e entrou en convocatorias de España), guiou ao Bembrive FS á categoría de prata nacional (2ª División); a á-pívot converteuse, ademais, na máxima goleadora de Preferente Galicia con 36 dianas en dezanove partidos.

No acto, David Portugués "Portu" (ED Vigo 2015), que ascendeu ao equipo sénior feminino á Preferente Galicia, e Enrique Manuel Fernández (Balaídos CF), con catro décadas de traballo na base, foron considerados os mellores adestradores en fútbol sala e fútbol, respectivamente, nun evento ofrecido por "streaming" no que se premiou a Manuel Pedro Seoane polos seus doce anos á fronte do Rápido de Bouzas (2008-2012), ao que levou a Segunda B dúas tempadas, e a "Pachi" Comesaña (IES Coruxo) pola súa continuada inquietude directiva no fútbol sala dende finais dos anos 80.

Os premios tamén recoñeceron a dilatada traxectoria do Coruxo FC: cumpriu noventa anos de vida (1930-2020) e leva dende 2010 en 2ªB, sendo ademais o club vigués con máis tempadas na categoría de bronce. O seu galardón foi específico á traxectoria. Mentres, o Club Polideportivo Alertanavia foi declarado mellor club do fútbol local polo seu terceiro posto en 1ª Autonómica (con Abel Lomba no banquiño rozaron o ascenso) e pola clasificación do equipo xuvenil á Liga Galega.

Co CD Mosteiro Bembrive FS como mellor club de fútbol sala (ascenso a categoría nacional sénior feminina e un gran traballo de base), a firma Gadis recibiu o premio de mellor patrocinador, e Lidia Crespo (fútbol sala, ascenso nun ano de 3ª a 2ªB) e David Martínez (fútbol) foron sinalados como os árbitros de referencia da campaña pasada. Por certo que Lidia xa colleitou na Vigo Cup de fútbol sala o premio de mellor colexiado do evento.

Na súa intervención previa á entrega dos recoñecementos, un gran trofeo culminado por un balón -similar ao da Copa do Mundo-, o alcalde de Vigo recoñeceu "botar moito de menos á xente do deporte" e asegurou que grazas ao tecido deportivo "entendín moito mellor a nosa cidade", e mostrouse convencido de que "máis ben pronto que tarde imos retomar o deporte de forma habitual e aplaudiremos aos deportistas; son moi optimista: a vacuna é o final do sufrimento, poñerémonola e gozaremos de novo do deporte", dixo.

O evento concluíu cunha sentida homenaxe a quen foi unha figura clave do fútbol feminino vigués: Juan Carlos Padín, falecido en 2020. Con el como responsable do fútbol na Federación de Penas Recreativas El Olivo, o club ascendeu en 2011 á máxima categoría. Foi histórico para o fútbol feminino galego porque foi o primeiro equipo en acadalo. Recolleron a placa homenaxe ao "Paladín do fútbol feminino" os seus fillos, Tere e Anxo, e o presidente da FPRV El Olivo, Camilo Pais.

A entrega dos Premios VIDE 2021, pola tempada 19/20, pode verse na emisión en directo que tivo lugar o martes (vaian ao minuto 30) en www.facebook.com/vigoterreodexogo/videos/197442968833134

© DIFUSIONPROSPORT 2018
CONCEJALÍA DE DEPORTES
Área administrativa y técnica:
986 810 295 | 986 810 237 | 986 810 154
Email: concelleriadeportes@vigo.org